23/4/24

Novas actividades en abril

 Xa pasadas un par de semanas do comezo da última avaliación  celebramos hoxe o Día do Libro cunha nova sesión do noso Tamén Len. Desta vez visitounos unha nova escritora de Salcela, Ana Vila, coa súa novela "Laguna. Memorias del agua". Un encontro moi frutífero que deixou ao alumnado con ganas de ler esta obra e mesmo a 2ª parte que en breve publicará. 





Tamén se celebraron novas sesións dos clubs de lectura. O 8 de abril xuntáronse os de 1º e  2º ESO para coñecer a obra A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto, unha novela gráfica que nos leva a tempos da memoria histórica a través dunha emotiva historia. O 15 de abril foron os de 1º BACH e 4º ESO os que se runiron para comentar a obra Nómades de Xosé Tomás, unha ollada reflexiva sobre diferentes problemáticas sociais que atinxen á muller. Por fin o martes 16 de abril o club de profes tivo o pracer de realizar a súa reunión co escritor Manuel Portas, autor da obrPor puntos que resultou ser unha entretida lectura sobre a que puidemos conversar con el.

22/3/24

FIN DE AVALIACIÓN CON ANTÍA YAÑEZ

Para rematar esta avaliación tivemos o pracer de recibir no centro a Antía Yáñez, autora de dous dos libros que leu a rapazada de 1º ESO: 

O misterio de Portomarín e O misterio do Torque de Burela. 

Contounos sousiñas moi interesantes de Portomarín e Burela, dos personaxes e do seu labor literario. Grazas pola visita e pasade pola biblio a ler os libriños se aínda non o fixestes, viviredes moitas aventuras.







13/3/24

TAMÉN LEN DE MARZO CON SANTI VELOSO

 Este martes 12 de marzo tivemos a nosa sesión de Tamén Len coa presenza de Santi Veloso, presidente da asociación Ponte nas ondas, da cal é membro activo o noso IES. Foi un pracer escoitarlle ler un dos relatos de Made in Galiza de Sechu Sende que axudou á rapazada a reflexionar sobre a nosa lingua. Leunos tamén outro fragmento de Dentro da literatura de Suso de Toro e falounos sobre a importancia de mantermos o patrimonio oral inmaterial que une ambas marxes do río Miño. Moitas grazas pola súa colaboración. 





1/3/24

TAMÉN LEN DE FEBREIRO

 Onte celebramos unha nova edición do noso encontro literario Tamén Len e neste caso recibimos a Arancha, dona da Librería Sernel de Salceda e antiga alumna do IES. Leunos un fragmento de Golpes de Luz, unha das últimas obras de Ledicia Costas. Foi unha lectura moi amena e coñecemos tamén facetas da vida como libreira da nosa convidada. Moitas grazas por acompañarnos e que sigamos tendo todas e todos lecturas produtivas.





19/2/24

ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA CON FRAN ALONSO

 Hoxe tivemos o pracer de recibir a Fran Alonso para compartir con el as nosas impresións sobre os seus dous poemarios Street Poems e Cidades. Un agradable encontro onde tamén se falou da arte urbana do grafitti e mesmo escoitamos poemas da autoría do noso alumnado. Moitísimas grazas a Fran pola súa visita. Ai van imaxes do encontro.





6/2/24

Club lectura profes

 Hoxe por fin arrancamos co club de lectura de profes. Foi unha xuntanza moi agradable e produtiva no que cada un e cada unha de nós debullamos a obra que lemos para esta ocasión: Azucre de Bibiana Candia na que se dá conta dun feito (descoñecido para moitos e moitas) que marcou a historia galega da emigración en 1853 cando un grupo de case 1800 rapaces galegos partiron nun barco dende Galicia para traballar como escravos na recollida da cana de azucre en Cuba. Intercambiamos impresións e enriquecémonos coas achegas sobre diferentes aspectos da obra as cales resultaron moi interesantes. Vémonos en abril co próximo libro.






5/2/24

Club de lectura sesión de febreiro

 Hoxe volvemos reunirnos no club de lectura arredor de dous poemarios de Fran alonso, autor que nos visitará o día 19 deste mes para poder comentalos con el. Cidades é o título do que len en 1º e 2º ESO e Street Poems o que lemos en 1º BACH e 4º ESO. Ademais neste último grupo volvemos comentar cousiñas sobre Made in Galiza e Enderezo descoñecido, dúas obras que gustaron moito. Aquí van as portadas para que vos animedes a ler.


29/1/24

EDICIÓN DE XANEIRO DO TAMÉN LEN

 O xoves 25  tivo lugar a edición de xaneiro do noso Tamén Len e desta volta tivemos o pracer de compartir lecturas e conversas con Alejandro Rodríguez, concelleiro de cultura de Salceda de Caselas. Leunos uns dos ralatos que compoñen a obra Made in Galiza de Sechu Sende, coa que reflexionamos, entre outras cousas sobre a necesidade de valorarmos a nosa lingua propia e ao tempo a nosa cultura. O acto comezou coa interpretación ao piano de dous dos noso alumnos de 2º de BACH, Sara e Breogán, compañeiros de Alejandro na Banda de Música de Salceda. Aquí deixamos unha mostra visual do encontro. Agardamos vervos na próxima edición.







9/1/24

 NOVIDADES EDITORIAIS

Propoñémosvos algunhas suxestións para boas lecturas. 




NOVO ANO E NOVO TRIMESTRE

 Arrancamos un novo trimestre e facémolo lembrando o último Tamén Len do ano 2023 no que tivemos o pracer de escoitar a Alejandra, a horticultora que nos ensinou e axudou a crear a nosa horta da que xa obtivemos ricos e sans produtos. Nesta ocasión tróuxonos a lembranza de Félix Rodríguez de la Fuente e a nosa rapazada puido sentir o amor ao medio natural que el transmitira sempre a outras xeracións. Foi un pracer escoitala. Deixamos aquí fotos do acto. 













9/12/23

NOVIDADES ÁLBUM ILUSTRADO

 Seguimos ampliando os nosos fondos con álbum ilustrado. Esta vez con tres obras fantásticas que axudan a educar en valores como a igualdade de xénero, a igualdade de oportunidades e a necesidade de crear un mundo máis xusto onde todos e todas convivamos con respecto e empatía. Pasa pola biblio e goza coa súa lectura. Aquí van os títulos. 



24/11/23

25 DE NOVEMBRO: LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

    Un ano máis lembramos a importancia da lectura e da educación en valores para tentar loitar contra a lacra social que supón a violencia de xénero contra as mulleres. Todos e todas debemos seguir loitando en unión para que a igualdade, a tolerancia, o respecto e a razón sexan o mellor antídoto contra a discriminación e a violencia. Deixamos unha fotiño da nosa exposición.


 

15/11/23

NOVA EDICIÓN DO NOSO TAMÉN LEN

 Hoxe tivemos unha sesión moi especial no noso Tamén Len de Novembro xa que recibimos a Martín Gestal, o noso profe de filosofía do ano pasado que compartiu con nós as súas lecturas de filósofos tan importantes como Sócrates. Fixemos reflexións moi interesantes e gozamos dunha agradable conversa. Grazas Martín por volver onda nós!!! Aquí van as fotiños do evento. 😊😊📕📕📔📖