23/4/18

Mónica Fernández no Tamén Len.


Visitounos, no Tamén Len, Mónica Férnandez, o 19 de abril.


Mónica, que é a orientadora do CEP Altamira, leunos fragmentos do Prin-cipiño,de Antoine de Saint-Exupéry. 

A historia do aviador e o neno de cabelos louros que se atopan no deserto, nunha fermosa edición con desplegables dos debuxos do autor. 


Unha boa escolla, tanto polo seu contido como por celebrarse o 75 aniversario da súa publicación.


Durante a lectura, e máis tarde no coloquio, gozamos da tenra empatía que Mónica e quen de mostrar cos seus antigos alumnos e alumnas do Altamira que asistiron á sesión.


Apertas, bicos, afectos e literatura son un feitizo poderoso que sirven de exemplo do que verdaderamente debe ser a aprendizaxe. Está claro que Mónica ben sabe diso.



Moitas grazas e ata sempre.










18/4/18

Lino Estévez no Tamén Len.


O 12 de febreiro, tivemos, no programa Tamén Len, a visita dun ex alumno, Lino Estévez, que é o segundo adestrador do equipo de futbol do Areas.


Lino leu fragmentos do libro "¿Cómo llegar al éxito: de fracaso en fracaso" do escritor Agustín Medina, mostrando que tanto no futbol, algo que ben coñece, como na vida é imprescindible saber xestionar os malos momentos para poder acadar os obxectivos que nos propoñamos.


Lino tamén botou man dun libro do Cholo Simeone titulado "Creer: el desafío de superarse siempre" que afondaba na importancia da motivación e a autoestima.

Foi importante ver patente que as boas lecturas son compañeiras desexadas, tamén, nos éxitos deportivos.

Pablo Soto no Tamén Len.

Coincidindo co Día da Paz, Pablo Soto, subdirector do Banco de Santander en Salceda de Caselas, visitounos no programa Tamén Len.

Elexiu para a ocasión un libro cunha historia tremenda da IIª Guerra Mundial: "El niño con el pijama a rayas". A narración, nos ollos de dous nenos, do Holocausto nazi.

Esta historia foi levada ao cine nunha película co mesmo nome que é unha das máis demandadas na sección de cine da nosa biblioteca.

Coñecer a historia é un dos obxectivos da educación, en xeral, e do noso instituto, en particular. Grazas, Pablo, pola túa visita.

11/12/17

Roberto Oliveira no "Tamén Len"

O xoves, 30 de novembro, estivo con nós, no "Tamén Len", Roberto Oliveira, un percusionista, nado en Salceda, que, como outros e outras salcedienses, ten unha dilatada carreira profesional na música. Tanto a nivel de estudios (Paises Baixos e Irlanda), como de composición e interpretación.

Roberto acaba de presentar un novo traballo "Diáspora", adicado á emigración.




Trouxo con el un dos seus libros favoritos: "El árbol rojo" de Shaun Tan.

Un fermoso libro tanto a nivel de texto como de imaxes.


No coloquio respostou a numerosas preguntas sobre os seus inicios na música na Banda de Salceda, os seus extensos  estudios musicais e diversas vivencias persoais.

Se queres velo en directo, podes picar neste enlace



Recibímolo cunha actuación de Dani, alumno do instituto. Quen sabe se un próximo percu-sionista internacional de Salceda de Caselas?

Porque Salceda é música.

24/11/17

Contra a violencia de xénero.


Este venres, 24 de novembro de 2017, o instituto participou activamente na campaña "Salceda en negro", convocada polo Concello, en contra da violencia de xénero.


Primeiro fixemos unha concentra-ción no pavillón do insti, porque chovía e non poidemos facela no patio, como inicialmente estaba previsto, con roupa negra e portando carteis con lendas referentes ao día.

Lemos un manifesto no que se indicaba a ser activas e activos na loita contra esta terrible violencia.

Máis tarde, unha representación do alumnado e profesorado, baixamos á praza do Concello para participar na concentración que alí tivo lugar e onde se leron manifestos por parte da representación institucional e, tamén do Colexio Altamira e do noso Instituto Pedras Rubias. 


Sentímonos moi orgullosas e orgullosos de participar, con toda a sociedade de Salceda, nestes actos porque é asunto de todas e todos.





22/11/17

Carlos Álvarez no "Tamén len"

O venres, 17 de novembro, visitou o instituto o arquitecto Carlos Álvarez, no programa "Tamén Len"

Autor da reforma do edificio do vello Concello, hoxe, biblioteca municipal, Carlos é un porriñés de nacemento que, dende hai anos, vive en Salceda coa súa familia. 

Na súa charla, que foi moi amena, lembrounos a oportunidade de achegarse á lectura a través das letras das cancións e os discos.
A súa escolla foi a dun dos seus grupos favoritos: Love of Lesbians.

Mais, tamén, falamos do antroido, unha das paixóns de Carlos; de arquitectura; da necesidade de aprender a ser cidadáns críticos e informados; do deporte, como actividade ideal para osixenar o cerebro; e moitas outras cousas.

Como sempre acontece, o tempo do recreo fíxose escaso e quedamos con ganas de continuar falando e escoitando.

Paula Vila no "Tamén Len"

  O 24 de outubro, visitounos, no "Tamén len", Paula Vila, a profesora de música do colexio Altamira.


Leunos o libro "A banda de Vilacendoi"



Foi un día de festa voltar a tela con nós, agora que estamos no instituto e non temos tantas posibilidades de vela

Que mellor que recibila con música?



A música sempre foi a mellor tarxeta de visita de Salceda.

Por iso, a visita de Paula foi coma unha doce melodía.

Diplomas ao voluntariado da biblioteca

O labor da biblioteca sería imposible sen a aportación diaria, nos recreos, do grupo de voluntariado.
En proba de gratitude, a comunidade escolar do instituto, representada por Chefa, a directora, e Ángeles, a bibliotecaria, fíxolles entrega a cada unha delas dun diploma acreditativo do seu compromiso.
Como podedes comprobar, pola foto, as mulleres son un piar imprescindible no que acontece, non só na biblioteca, senón en todo o instituto.
Grazas, mozas!!

14/7/17

A nosa nova mascota

Despois de varios anos nos que Cali era a nosa mascota da biblioteca Calixtina, o encargado de mirar polos nosos tesouros de papel, e de animar ao noso alumnado a que se deixasen apaixoar pola lectura; dende este mes de maio ten nova compaña, trátase dunha galiña azul, de máxicos ovos de cores, pero non é unha galiña calquera, xa que está inspirada na creación de Carlos Casares, e xa é unha actriz experimentada, pois leva recorridos os escenarios das princiapales escolas de Salceda, actuando conxuntamente cos membros do club de lectura "Os siareiros da palabra". Ademais do teatro, e da lectura, gusta de comer herba nos arredores do instituto.


Exposición: MAPAS / CARTOGRAFÍA (Cuarta parte)


TERCEIRA PARTE:

 CARTOGRAFÍA DE GALICIA





Exposición: MAPAS / CARTOGRAFÍA (Terceira parte)




SEGUNDA PARTE:
 O MAPA TOPOGRÁFICO NACIONAL


O mapa topográfico é o mapa base dun país. Está feito en escalas grandes: 1:50000 e  1:25000. Nel recóllese unha amplísima e detallada información sobre o territorio que abrangue os detalles de situación (latitude e lonxitude precisas; proxección e coordenadas UTM), altitude sobre o nivel do mar e orografía (sinaladas coas curvas de nivel), cursos de auga grandes e pequenos, edificacións e espazos urbanizados, usos do solo, límites administrativos, estradas, ferrocarril, toponimia, etc. As explicacións seguintes están referidas ao mapa 1:25000.

1.COORDENADAS DE LATITUDE E LONXITUDE EN GRAOS, MINUTOS E SEGUNDOS. 




2.PROXECCIÓN UTM (UNIVERSAL TRANSVERSA DE MERCATOR
 

13/7/17

Exposición: MAPAS / CARTOGRAFÍA (Segunda Parte)


3.

A CARTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA: TRIANGULACIÓN, NOVAS PROXECCIÓNS, CURVAS DE NIVEL


TRIANGULACIÓN

Método matemático para determinar a posición exacta dun punto mediante as súas coordenadas, a partir duns puntos coñecidos chamados vértices xeodésicos, que se sitúan nas cumes  dos montes para poder verse uns dende outros. Así, cuns aparellos chamados teodolitos mídense os ángulos entre as visuais, e tendo medida con moita exactitude unha liña base sobre o terreo, pódense  calcular por trigonometría tódolos lados dos triángulos.     


OS CASSINI
No século XVIII a familia Cassini realizou o primeiro mapa baseado na triangulación xeodésica e o primeiro mapa nacional (Francia) completado sistematicamente, seguindo un encargo do rei Luís XV.


Exposición: MAPAS / CARTOGRAFÍA (Primeira parte)




MAPAS//
//CARTOGRAFÍA
  


LIMIAR:
XEOGRAFÍA, CARTOGRAFÍA, MATEMÁTICAS


A ciencia e a técnica de elaborar mapas é a cartografía. Actualmente a maioría das persoas cando pensamos en mapas asociámolos cos xeógrafos. Sen embargo, a cartografía científica foi máis ben obra de matemáticos e enxeñeiros ca de xeógrafos, carentes estes en xeral, e ata a actualidade, da formación adecuada. Os xeógrafos acostuman máis ben a realizar mapas temáticos ou derivados a partir dos mapas científicos.


PRIMEIRA PARTE:
BREVE HISTORIA DA CARTOGRAFÍA


1
ORIXES:
IDADE ANTIGA
 E
 IDADE MEDIA

ERATÓSTENES (c.275 a.C.-194 a.C.)

Tratou de representar o mundo coñecido naquela altura polos gregos (Europa, norte de África, oeste e sur de Asia) empregando por primeira vez unha rede de paralelos e meridianos que se cruzaban en liña recta. O paralelo máis importante pasaba polo estreito de Xibraltar e a illa de Rodas, onde se cruzaba co principal meridiano. Mediu por primeira vez a circunferencia da Terra de xeito bastante aproximado.
O mapa de Eratóstenes non se conservou. O que aquí ves é unha reconstrución baseada en descricións moi posteriores á súa época.





7/7/17

Medición topográfica




Relacionado co lema deste ano da Biblioteca "Base de exploracións", a partir da exposición de cartografía que organizamos, os departamentos de matemáticas e ciencias sociais organizaron unha saída ao Faro de Entenza o xoves 18 de maio para explicar como se realizan as medicións topográficas. Contamos coa colaboración desinterada dun topógrafo de Salceda, Julio, quen con tanta sabiduría e interés nos ilustrou nas técnicas de medición, facendo unha demostración aos alumnos cos aparatos topográficos e xeodésicos: estación total, GPS, teodolito. Ademais realizouse unha pequena explicación sobre triangulación e vértices xeodésicos. Os alumnos de 4º da ESO que realizaron a saída puideron tomar contacto cunha actividade profesional e cun instrumental que podería suscitarlles interese ou curiosidade.


30/6/17

O xogo da guerra



O venres 23 de xuño foi a actuación do grupo de teatro escolar do instituto, “Mutis polo foro”, que un anos máis, en dobre sesión actuou o último día do curso para mostrar os ensaio de todo un curso nese acto final. Este ano sumáronse ás representacións o club de lectura “Siareiros da palabra” que andiveron a preparar unhas versións das obras infantiles de Carlos Casares, no ano que se lle adicou o día das Letras Galegas, e que xa representaran previamente ao alumnado de 6º de primaria e aos nenos de infantil dos colexios de Salceda.

 

A obra tomou o título precisamente dun relato de Carlos Casares titulado “O xogo da guerra”, homenaxeando por un lado a Casares e recollendo por outro o eixe arredor do cal desenvolvemos as distintas obras do grupo de teatro: a violencia, nas súas distintas variantes. Por unha banda tratamos o tema do integrismo relixioso mediante a representación de “A matanza dos inocentes” de Darío Fo, por outro aventurámonos cun monólogo no que tratamos o tema da violencia de xénero, con outro título do italiano Darío Fo: “A muller soa”. Finalmente tratamos o tema do maltrato por cuestións política cunha adaptación da obra “Pedro e o capitán” de Mario Benedetti. 




 

 Unha combinación de obras infantiles e outras que trataban o tema da violencia que fixeron da representación deste ano todo un reto para o noso alumnado, que obtivo finalmente un moi meritorio resultado.