31/1/11

Ilustrado por... Rébecca Dautremer.

Seguindo no mundo da banda deseñada, imos comezar hoxe unha serie de entradas adicadas aos álbums ilustrados. Este xénero, asociado antes aos contos e ao público infantil, é demandado na actualidade por lectores de todas as idades e vén de experimentar un enorme pulo debido á importancia da imaxe na cultura actual.
Imos comezar pola obra dunha fantástica ilustradora francesa, Rébecca Dautremer.

Rébecca Dautremer naceu en Gap en 1972 e estudou na Escola Nacional de Artes Decorativas de París. Adicase ao deseño gráfico e de xoguetes, debuxa para prensa e ilustra álbums (nalgúns tamén escribe o texto). Entre as súas principais obras destacan as ilustracións dos álbums:

"Princesas olvidadas o desconocidas" con texto de Philippe Lechermeier. Quizais un dos seus traballos máis coñecidos. Nel fálase das princesas que acadaron a fama como "Cinsenta" e "Brancaneves" pero sobre todo de todas as princesas anónimas que non chegaron tan lonxe :).

"Cyrano" na versión de Taï-Marc LeThan sobre o clásico de Edmund Rostand. Con imaxes impactantes, encadres que semellan planos cinematográficos e cores vermellas, consegue emocionar desde a primeira á última páxina.

"Enamorados" Como credes vós que interpretan un grupo de nen@s o que é estar namorados?


"Diario secreto de Pulgarcito". Preme para ve-la presentación!

"Nat y el secreto de Eleanora" deste hai unha película animada titulada "Kérity, la maison des contes" (O título orixinal do álbum).


Na actualidade está a rematar as ilustracións para "Alicia en el país de las maravillas" e os seus seguintes proxectos serían ilustracións para a "Biblia" e "Seda".

30/1/11

Festival de Banda Deseñada de Angoulême 2011


E xa que estamos por fomentar a banda deseñada, non podiamos esquecernos de facer unha entrada ao que probablemente sexa o principal evento anual adicado a este xénero: O Festival de Banda Deseñada de Angoulême, que ven de pechar a súa 38 edición no día de hoxe.
O Festival de Angoulême naceu nesta cidade francesa no ano 1974 como punto de encontro para autor@s, ilustrador@s, editor@s e lector@s de cómic e rapidamente se transformou nun evento cun amplo recoñecemento internacional.

No palmarés de este ano podemos destacar:



Mellor album 2011: "Cinq mille kilomètres par seconde"
de Manuele Fior.









Premio do Público: "Le bleu est une coleur chaude" de Julie Maroh.








Premio da xuventude: "Asterios Polyp" de David Mazzucchelli.






Esperemos que pronto se atopen editados en España e podamos telos nas mans.

25/1/11

El arte de volar: Premio nacional de cómic 2010.

Desde o curso pasado a biblioteca do noso instituto vén tentando suplir o que era unha das grandes faltas nos nosos fondos: a relativa a banda deseñada.
Pouco a pouco imos ircoporando clásicos do mundo do cómic, o manga e a novela gráfica e tamén estamos abert@s ás vosas suxestións.
É por iso que hoxe vos queremos falar dunha novela gráfica que acadou o Premio Nacional de Cómic no Salón do Cómic de Barcelona a finais do pasado ano: El arte de volar.
Con ilustracións de Kim, Antonio Altarriba céntrase na autobiografía do seu pai para levarnos da man polos acontecementos máis relevantes da historia de España no século XX.
Paga a pena que lle botedes, cando menos, unha ollada.


El Arte de Volar from polinomio on Vimeo.


17/1/11

O que nos trouxo o 2011 (de momento)...



No remate do ano puxémonos todos mans á obra: o equipo da biblioteca, os MQs e os compoñentes do club de lectura vestíron o seu mono de traballo e armáronse con pinceis e rodillos para darlle un novo aire á nosa Calixtina co fin de inaugurar as novas seccións: Comiteca e Cinemateca. Xa tedes visto os cambios? Gústanvos?
En breve, colgaremos as fotos da nosa renovada biblioteca.

Tamén os profes podemos presumir, pois a semana que ven, aproveitando a visita de José Luís, inauguramos a Biblioteca de profes "mestre José Luís Calvo". Nela haberá fondos do centro e tamén un intercambio de libros aportados polos propios profes.

Agora só falta que, tanto vós coma nós, lle demos uso!!

16/1/11

O que se levou o 2010...


O pasado 22 de decembro foi un día de despedidas. A maioría marchabamos de vacacións de Nadal... Pero ti, José Luís, despois de toda unha vida dedicada ao ensino, comezabas unha nova etapa: a da xubilación.

Nun acto improvisado pero cheo de cariño e gratitude, os teus alumnos/as e compañeiros/as fixémosche un corredor para conducirte á túa benquerida biblioteca, onde te agardaban expectantes para ofrecerte unha lectura dalgúns dos teus textos favoritos: O primeiro capítulo de "Platero y yo" e o poema das golondrinas de Bécquer.

Contigo, non esaxeramos ao dicilo, sentimos que marcha o espírito desta Calixtina que ti bautizaches. Nós, as compoñentes deste equipo de biblioteca, quedamos desde entón un pouco orfas. Fáltannos a túa compaña, o teu ben facer, a túa sabedoría, a túa música e tantas e tantas cousas irremprazables.

Es a persoa que mellor representa o significado da palabra "mestre"; estar ao teu carón e aprender eran a mesma cousa.

Non imaxinas canto te imos botar de menos! Ti marchas, o teu legado continúa.

O equipo de biblioteca.