28/2/15

Certame Literario: FÓRMULAS DE BO AMOR.

LABORATORIO DO BO AMOR

Para conmemorar o Día dos Namorados, convocamos un concurso de escrita dende a Biblioteca Calixtina, en colaboración cos Dpts. de CCNN e Lingua Galega, coa idea de animarvos a expresar o que pensades en positivo sobre as relacións amorosas, que ingredientes ou “fórmulas” son as indicadas para que o “experimento” teña un final feliz. Ademais, podedes expresarvos en calquera lingua que dominedes.

Sabendo que estamos condicionados moitas veces por unha maneira errrada de entender as relacións interpersonais e sentimentais, cremos que é importante facer una reflexión sobre os “asuntos do corazón”; por iso queremos aproveitar a ocasión para idear e construír un mural onde plasmar un particular “LABORATORIO DO AMOR”, e onde a “Química do AMOR” quede enchida dos efluvios desprendidos dos experimentos que cada un de nós é quen de formular cos “ingredientes esenciais”. Creando as mellores “FÓRMULAS DE BO AMOR”.

Formular é receitar, prescribir, manifestar, expor con claridade e precisión. Unha fórmula é un medio práctico para resolver un asunto complicado, é una receita na que se indican os elementos que se deben empregar na curación de algo ou alguén, é una expresión matemática que resume os cálculos necesarios para a resolución dun problema e que serve como regra de uso para eses casos, é a representación simbólica, mediante letras e números, da composición dunha substancia química. É, ante todo, pensar a mellor das vidas para cadaquén, e para todxs, porque tamén podemos pensar o que hai, no amor, de colectivo…

Unha vez aclarado o que debemos facer, poñámonos a inventar e formular as mellores receitas para acadar o BO AMOR, non esquezamos que a experiencia vale un grao (como adoita dicirse), e teñamos en conta o que sabemos que funciona e o que non, por iso é moi importante elixir ben os elementos que provocan reaccións positivas e deixar fóra os que orixinan reaccións negativas, explosiónsssssssss destrutivas!!!!


Lembrade os conceptos que relacionamos co BO TRATO e que están expresados no seu mural: respecto, igualdade, dignidade, liberdade, amizade, equilibrio, benquerencia, amabilidade, compañeirismo, agarimo, compromiso, empatía, lealdade, coidado, asertividade, solidariedade, feminismo, comprensión, bo amor…, e deixemos fóra os negativos, que todxs sabemos cales son…, non si?

Paralelamente, ofreceremos neste blog, certos recursos relacionados, que poden servir para acadar unha boa educación sentimental: textos, videos, cancións, poemas… Ademais de poder adicar tamén cancións ou música na RADIO ESCOLAR, seguindo a liña do Bo Amor.
 -------------------- * --------------------


BASES DO CONCURSOFÓRMULAS DE BO AMOR


Podedes participar no CONCURSO “FÓRMULAS: A QUÍMICA DO BO AMOR”, ao longo deste trimestre de primavera que asoma, para pensar nas mellores receitas ou fórmulas para acadar fantásticas, magníficas, marabillosas, en definitiva, boas relacións sentimentais.

Para iso non tedes máis que formulalas así, por exemplo:

A = I +

-Especificando que: A é amor, I é igualdade, R é respecto; usando as variantes e elementos que consideredes esenciais na fórmula que queredes proponer e compartir.
-E usando calquera letra, número, símbolo, signo.
-Dándolle un ton poético ou científico, fantástico ou realista …
-En calquera lingua que dominedes.
-Serán escritas sobre corazóns de cores seguindo este modelo:

     (recortades un corazón no material e cor que queirades (como moi grande folio A4, ou menos)onde escribiredes a vosa fómula, ese corazón terá outra parte en forma de ronsel ou etiqueta a un lado, onde explicades a clave para entender dita fórmula)

-Que presentaredes sen nome, cun pseudónimo escrito por detrás, cos datos en sobre pechado e por fóra só ese pseudónimo ou sobrenome. Entregaranse nos recreos na Biblioteca, ata o 12 de marzo.

-Unha vez formuladas colocarémolas no “LABORATORIO DO AMOR”, para ser “estudadas e experimentadas e ver a súa efectividade”.

-Será premiada a fórmula mellor valorada polo xurado, que estará composto por expertxs na “Ciencia do Bo Amor”.

-O PREMIO consistirá nunha CEA ROMÁNTICA PARA DOUS…

ANIMÁDEVOS E NAMORÁDEVOS BEN!!!!


21/2/15

VIÑETAS: UNHA OLLADA Á PAZ

Non quixemos deixar pasar a ocasión de celebrar o Día da Paz o 30 de Decembro, para botarlle "unha ollada á Paz", solidarizarnos en contra de toda violencia e a favor da liberdade de expresión. Por iso convocamos este concurso de viñetas, cuxo resultado foi a presentación de traballos variados, destacando a creatividade de moitos deles a partir de reflexións ben interesantes. A elección do mellor non é doada, o xurado terá dificil decidir...


  "La Muralla" poesía de Nicolás Guillén, poeta cubano, 
      interpretada por Ana Belén.


18/2/15

TEMPO DE ENTROIDO; "O Mundo Patas Arriba"

Venres de Entroido, ou Carnaval, en Salceda. Chove. Decisión: saímos e desfilamos igual aínda que chova. Debecemos por sentir a calor nestes tres días que preceden á Coresma, pero se resiste o "maldito tempo" sen darnos tregua; porén lanzámonos baixo as nubes e sobre o asfalto mollado que multiplica as cores co seu reflexo e redobra a ledicia, ao que engadimos paraugas de mil cores e globos de cor violeta reivindicando melloras no servizo pediátrico do municipio. 

O mundo "patas arriba", a ilusión de trastocar a realidade, transgedir, darlle a volta ás identidades, compartilo todo nunhas horas, poñer en ridículo a quen detenta o poder, facer coplas cos erros dos mandatarios, das autoridades competentes, e das miserias de uns e outros, ou de todxs nós...



Deixar atrás o inverno e anticipar a entrada da primavera que uliscamos no ambiente entre as mimosas floridas... Carnaval de carne, de praceres, de alimentos renovados nas vendimas e colleitas e matanzas, onde conviven sen maior conflito o entroido rural máis ancestral coas novas formas foráneas, importadas de Tenerife, de Brasil ou nin se sabe...; onde nenxs e vellxs, homes e mulleres, danzamos ao son dos variados instrumentos e músicas do mundo, de aquí e de acolá, soberbia mestizaxe, mascaradas, mascaritas, monicreques, choqueiros, monigotes, damas e cabaleiros, mecos e sardiñas enterradas ...no mar.

Aquí estamos resistindo... Pan e saúde!!!

17/2/15

DESCUBRE A BIBLIOTECA!!:

Dende o PRINT de 1º ESO queremos convidarvos a seguir as pegadas de cores e as palabras significativas que tentan expresar todo o que de pracenteiro ten a visita a espazos como a nosa biblioteca e a "fisgar" entre as páxinas dos libros; para descubrir unha Biblioteca "En Pé de Igualdade" que pretende dar a oportunidade de ofrecer mil e un recursos e actividades abertas a todas e todos. 

PASEN E VEXAN PEGADA A PEGADA...






Engadimos un video con este percorrido, que leva ata o muro que anuncia a  entrada á Biblioteca, onde a xeito de graffiti  plasmamos os obxectivos que pretendemos acadar.

Montaxe final de Rubén e música de "Los Coronas"


14/2/15

BO TRATO: POSTA EN ESCENA

Por fin fomos quen de levar a termo o plan proposto de implicar a todo o instituto -aula por aula- ademais de contar coa colaboración do Club de Lectura e do profesorado e demais adultos do Centro, que quixeron participar animados na montaxe dunha posta en escena por cada un dos grupos para posicionarnos en defensa do BO TRATO, partindo de ideas e actitudes pensadas sempre en positivo. 
Dende Biblioteca, Print, Orientación, Titorías, Ética e Edu. Cidadanía, estivemos especialmente implicadas para encauzar, compartir e consensuar as ideas que ían xurdindo nas diferentes aulas e darlles forma para fotografar. Houbo certas demoras e retrasouse máis do debido, pero o obxectivo era facelo con todo o alumnado e persoal do centro.
O interesante é que deste xeito participamos todas e todos e a verdade é que houbo variedade de propostas e de boas ideas para plasmar en cada fotografía. 

Deixamos enlace ao post do blog dos SiareirosdaPalabra, onde colgamos tamén o video feito:
 ... EnLEate co BO TRATO!





Nunha entrada anterior explicamos xa a dinámica da actividade, agora só queremos deixar constancia gráfica e que filtre nos poros de cadaquen esta mensaxe; 
pois unha imaxe e un bo lema valen máis que mil palabras...


1/2/15

PRINT: "EN PÉ DE IGUALDADE". ACTIVIDADES REALIZADAS.

"EN PÉ DE IGUALDADE" é o lema que guía as actividades e labouras de aprendizaxe que este curso levamos facendo dende a Biblioteca Calixtina na hora do PRINT, nos 3 grupos de 1º ESO, coa Formación de Usuarios e a Educación Documental e Dixital.


Comezamos cun achegamento á nosa Biblioteca, á súa organización, a aprender a moverse por ela e a ter información de todas as actividades que nela podemos facer todxs participando abertamente. Sempre hai alumnado de 1º ESO que se brinda para colaborar voluntario nos recreos e quen tamén nutre as filas do Club de Lectura.

Sensibilizamos ante aspectos e circunstancias que consideramos de base para formar parte da nosa sociedade, coas súas complexidades, e para aprender a entender a realidade; pero sobre todo, o noso obxectivo é basear as actividades ou investigacións que fagamos na consecución da igualdade e o respecto entre homes e mulleres, entre grupos sociais, entre diversas culturas, na busca dunha convivencia positiva en liberdade.

No 1º Trimestre, cada grupo participou en 2 actividades:

1-Elaboración de ESLOGÁNS de creación propia que escribimos sobre pés de cores para poñer dende a entrada do instituto, todo seguido pola parede do corredor, ata a porta da Biblioteca, animando a usala e á lectura... Estas pegadas tan animosas acaban diante dun "MURO cun GRAFFITI para descubrir unha BIBLIOTECA que: le, ecoita, fala, comprende, coopera, abre, oferta recursos, colabora, escribe, visita, acolle, cuestiona, indaga, curiosea, debate, iguala, respecta...; sendo este un bo xeito de transmitirlles e analizar con eles os obxectivos e a identidade da nosa BE. Agradecemos a Nacho, profe de plástica a súa colaboración e creatividade para materializar os nosos desexos e visións.




2-Tamén traballamos en cada grupo, na creación dun lema ou motivo no que basearnos en contra dos malostratos e da violencia, e comezamos a idear unha posta en escena -coas cores significativas violeta e laranxa, trastocando roles, defendendo a igualdade e o respecto para acadar a liberdade persoal- para facer unha foto de grupo sensibilizándonos e defendendo o BO TRATO, pensando en positivo, para participar despois no mural onde serán expostas todas as fotos, as de cada grupo do Centro. Están feitas xa e procederemos a amplialas para poder expoñelas neste mes.